Traductor

sábado, 21 de setembro de 2019

26ºC UN 21 DE SETEMBRO? POR QUE TANTA CALOR? 😲

Hoxe, día 21 de setembro de 2019, produciuse algo inhabitual na Mariña Lucense como é que 4 das 5 temperaturas máis altas de Galicia foran de concellos situados  nesta zona, segundo os datos das estacións meteorolóxicas que Meteogalicia ten repartidas por toda a comunidade e que podemos ver na seguinte imaxe:

Temperaturas máximas acadadas hoxe na rede de Meteogalicia.
Así, temos que en Foz recolleuse a 2ª temperatura máis elevada de Galicia, superando ademais en máis de 3ºC o valor que ata agora marcaba a máis alta do que levamos de setembro no noso concello, que era de 22,27ºC.

Como dato curioso, hoxe en Foz tamén fixo case 5ºC máis que no centro de Madrid, onde se alcanzaron 20,7ºC, segundo a estación meteorolóxica da AEMET situada no Retiro.


- E entón cal é o proceso físico que está detrás deste ascenso tan importante?

Pois é consecuencia directa da presenza dos ventos do Suroeste, os cales sofren un proceso meteorolóxico coñecido como Efecto Föhn ao atoparse coas Serras Setentrionais Galegas, liberándose de todo o vapor de auga que conteñen en barlovento das montañas e levando un vento seco a toda a comarca da Mariña, especialmente á Mariña Central e Oriental, así en Foz a humidade relativa alcanzou un valor mínimo dun 59%.  Ademais, por cada 100 metros que descende esta masa de aire pola ladeira de sotavento, vaise producir un aumento de 1ºC na súa temperatura, implicando un incremento das temperaturas nos concellos destas zonas.

Como se dixo no episodio analizado das altas temperaturas do 7 e 8 de agosto (ver publicación) esta configuración de ventos é moito máis probable que aconteza nos meses do outono, xa que é máis habitual a aparición de borrascas no oeste da Península e como estas xiran en sentido antihorario, envían ventos nesta dirección cara Galicia. En cambio, no verán é máis normal a presenza de configuracións anticiclónicas que como xiran en sentido horario, envían ventos do norte ou nordés á Mariña, favorecendo como consecuencia a formación de nubes de estancamento e de néboas na zona do Fiouco.

Esa configuración ciclónica que tivemos hoxe ademais de enviar vento moderado, enviou unha fronte que descargou principalmente en toda a franxa atlántica, alcanzándose nalgúns lugares como Lousame preto de 50L/m^2 no día de hoxe, en cambio, na Mariña os valores recollidos son máis modestos como en Foz que, ata as 20:00, caeron uns 10,8L/m^2 e non se agarda que caian precipitacións moito máis abundantes no que resta de tarde.

- E que vai pasar nos próximos días?

Pois todo parece indicar que nos vai acompañar o tempo inestable coa chegada o luns da borrasca Ex-Humberto, isto é, os restos do furacán Humberto que afectou en días pasados á costa este de EEUU e con moita importancias ás illas Bermudas. De novo, teremos ventos do Suroeste na Mariña, os cales si poden chegar a ter unha intensidade bastante elevada especialmente o luns á noite, momento no cal se poderían alcanzar ata os 80km/h en moitas zonas da Mariña, mais isto todavía non se pode confirmar nin de momento está activado ningún aviso nin alerta meteorolóxica para o mencionado día. Tamén trae asociado unha fronte que pode deixar algunhas precipitacións na Mariña mais non parece, de momento, que estas vaian a ter demasiada importancia.


A medio plazo, parece que nos van acompañar as borrascas estes días, implicando iso dúas cousas, por unha banda que os ventos do sur e suroeste van estar presentes durante toda a semana e que as temperaturas máximas pode que se manteñan por enriba dos 20ºC durante toda ela.

------------------------------------------------------------------------------------------------
RECORDA: Se queres estar informado de todas as novas predicións e novas meteoróloxicas sobre Foz, non tes máis que subscribirte por correo electrónico no enlace da parte superior dereita da versión web da páxina ou dende a páxina de Facebook e recibirás gratuitamente todas as novas publicacións (non se envían as actualizacións que se poidan producir nunha publicación, se os cambios producidos non son de moita importancia).

IMPORTANTE: Se cres que estás subscrito mais non recibes no correo esta publicación antes das 21H, entón revisa o SPAM ou a BANDEXA DE ENTRADA do teu correo e acepta a confirmación e se non volve a introducir o teu correo electrónico no espazo habilitado.

Segue toda a información do Tempo en Foz nas redes sociais:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Suxerencias ou comentarios

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.