Traductor

domingo, 1 de setembro de 2019

ANÁLISE METEOROLÓXICO DO MES DE AGOSTO 2019

Analicemos o tempo que tivemos este pasado mes de agosto cos datos recollidos pola estación meteorolóxica de Meteogalicia en Foz nas seguintes gráficas:


 - DÍAS DE CHOIVA:

Na imaxe pódese observar que no pasado mes de agosto choveu un día máis (11) que o promedio en agosto dos anos 2006-2018 (10,15). Ademais, respecto ao ano pasado, neste 2019 choveu case unha semana máis, xa que foron 6 días máis de auga. De igual maneira, tamén choveu 2 días máis que no pasado mes de xullo.





- PRECIPITACIÓNS:

En canto as precipitacións recollidas en agosto (34,8 L/m^2), vemos que se recolleron case 2 L/m^2 máis que a media destes últimos 13 anos no mes de agosto (33,14 L/m^2) e tamén uns 6,6 L/m^2 máis que o pasado mes de xullo. Agora ben, tamén é certo que este ano caeron 4 L/m^2 menos ca en agosto de 2018.
                                                           



- TEMPERATURA MEDIA:

Examinemos agora a temperatura media. Na figura vemos como a temperatura media este ano foi de 19,15ºC, lixeiramente superior aos 18,68ºC que marcan o promedio do mes de agosto entre os anos 2006-2018 e moi semellante aos 18,91ºC de agosto de 2018. Ademais, foi case 1ºC superior á temperatura media do pasado mes de xullo (18,25ºC).





- TEMPERATURA MÁXIMA DIARIA:


En canto á temperatura máxima alcanzada en agosto, temos que este ano o termómetro chegou ata os 30,83ºC (sendo de momento a temperatura máis alta do 2019) uns 3ºC superior á acadada en agosto de 2018 (27,65ºC) e 2ºC por enriba do promedio dos últimos 13 anos (28,65ºC).





- HORAS DE SOL:

Por último, analicemos as horas de sol que houbo en agosto. Tivemos unhas 175,38 horas, ou sexa, ao redor dunhas 18 horas menos que a media de agosto dos últimos 13 anos (193 horas) e que equivale algo máis dun día completamente soleado (sobre 13-14 horas de sol). Foron unhas 20 horas menos que no agosto do ano pasado (195,65 horas) e case 12 horas inferior ao acadado no pasado mes de xullo (187,01 horas).




- CONCLUSIÓNS:

O pasado mes de agosto foi máis cálido, menos chuvioso pero con menos horas de sol ca o ano pasado. Respecto ao promedio dos últimos 13 anos no mes de agosto, foi lixeiramente máis chuvioso e cálido, mais tamén tivemos este ano menos horas de sol.


E que pasará nos próximos meses? Regresará a calor? 

Pois moita atención, porque tradicionalmente dende agosto prodúcese unha baixada importante das temperaturas mínimas, xa que diminúen as horas de sol, mais OLLO iso non implica que non se acaden altas temperaturas polo día. Así, hai que recordar que nos 2 últimos anos a temperatura máxima do ano recolleuse en OUTUBRO (en 2017: 34,82ºC e en 2018: 28,13º), polo que poden quedar aínda días de moita calor tanto en setembro coma en outubro. Para saber o motivo polo que é moi probable que se dían estas temperaturas nestes meses visita a publicación "Por que fai tanta calor na Mariña?" publicada con motivo das altas temperaturas do 7 e 8 de agosto.


Fonte: Meteogalicia

RECORDA: Se queres estar informado de todas as novas predicións e novas meteoróloxicas sobre Foz, non tes máis que subscribirte por correo electrónico no enlace da parte superior dereita da versión web da páxina ou dende a páxina de Facebook e recibirás gratuitamente todas as novas publicacións (non se envían as actualizacións que se poidan producir nunha publicación, se os cambios producidos non son de moita importancia).

IMPORTANTE: Se cres que estás subscrito mais non recibes no correo esta publicación antes das 21H, entón revisa o SPAM ou a BANDEXA DE ENTRADA do teu correo e acepta a confirmación e se non volve a introducir o teu correo electrónico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Suxerencias ou comentarios

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.